Coñécenos - Historia

HISTORIA DO COLEXIO NIÑO JESÚS DE PRAGA E DAS FILLAS DA CARIDADE EN VIGO

As irmás da Compañía das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl instaláronse en Vigo no ano 1868. As Fillas da Caridade constitúen por tanto a orde relixiosa máis antiga da cidade, despois dos franciscanos. O seu primeiro albergue neses anos foi precisamente o convento de San Francisco, situado no Berbés. Nesta época desaparecera como tal como consecuencia da desamortización de Mendizábal. Aquí as primeiras Fillas da Caridade coidaron desde a súa chegada a anciáns, enfermos e nenos sen recursos, na chamada “Casa da Caridade”.

A partir de 1895 tiveron tamén ao seu cargo a “Cociña Económica” en rúa Oliva 12, no lateral esquerdo da Concatedral. Un pouco despois, en xaneiro de 1896, inaugurábase un novo centro médico municipal, coñecido como Hospital de Elduayen nas Travesas, que contará, ademais do equipo médico e de enfermería correspondente, cun grupo de catro Fillas da Caridade. Outra pequena comunidade encargarase nos inicios do século XX de atender tamén un asilo para pescadores anciáns, a “Casa do Pescador” formado grazas ás axudas do marqués de Valterra. En 1918 as Fillas da Caridade trasladaranse da rúa Oliva ao edificio de “A Pinga de Leite” na rúa Ronda onde funcionará agora a “Cociña Económica” ademais dun asilo para nenos abandonados.

Por último, en 1903, fundouse o Asilo do Niño Jesús de Praga, hoxe en día colexio plurilingüe. Esta institución situouse nuns terreos cedidos na rúa Arenal pola benefactora Clara do Río Pascual, onde segue estando na actualidade, aínda que totalmente transformado. O obxecto deste asilo foi desde o principio coidar, educar e alimentar gratuitamente aos fillos pequenos dos obreiros que vivían na zona mentres estes traballaban. No ano da súa fundación había catro irmás para atender aos nenos, que pronto chegaron a ser máis de cen, polo que xa no ano 1949 había o dobre de coidadoras e 350 nenos. Nesta época eran 45 Fillas da Caridade en Vigo, aínda que hoxe en día o número é moito menor.

As Fillas da Caridade chegaron á zona do Arenal que estaba ocupada entón por fábricas conserveiras e pequenas casas de traballadores que vivían coas súas familias en condicións moi humildes. Moitas destas eran familias numerosas nas que traballaba o home e a muller, e non tiñan con quen deixar aos seus fillos. Ás veces tampouco tiñan suficiente para darlles para comer nunha época na que a escaseza e o racionamento debidos a unha longa e terrible guerra facía estragos entre os máis desfavorecidos socialmente.

Apenas existía ensino público gratuíto e a educación proporcionábana pequenas academias e centros privados de ordes relixiosas. En lugares como o Colexio Niño Jesús de Praga, as Fillas da Caridade atendían aos nenos cando os seus pais traballaban e para poder proporcionarlles comida aos máis necesitados recorrían ás doazóns. Tamén educaban a nenos da cidade de familias máis podentes. Era un equilibrio logrado cunha meticulosa organización, no que os máis pobres comían grazas ao que pagaban polo ensino as familias dos que máis tiñan e as labores que elas mesmas facían e vendían aos veciños da zona. 

Así é como as irmás acompañaron nestes case 150 anos que levan na cidade, sen protagonismo, de maneira altruísta e sen ningún tipo de interese máis que o de dedicar as súas vidas á educación e o coidado e atención dos menos favorecidos, cunha verdadeira vocación de axuda aos demais.

As Fillas da Caridade recibiron en 2003 o título de Vigués Distinguido polo seu labor a cargo do “Comedor da Esperanza” na Casa da Caridade. En 2005 foilles concedida a mención de Vigués Distinguido ao colexio Niño Jesús de Praga. Tamén en 2011 recibiron o premio “Galegas destacadas” dese ano pola Asociación de Mulleres Diálogo 90.




@njpraga tweets